
Publicado en español por Los Libros de la Catarata e dirixido por Carlos Taibo, unha das referencias da opción do decrecemento no Estado español que, asemade, achega no limiar dez observacións imprescindíbeis sobre o que nos di o devandito proxecto. A obra achega unha ducia de artigos orixinais sobre a incidencia práctica que tería a escolla do decrecemento en diferentes aspectos das sociedades e do planeta.
Como indica o seu director: “Hoxe en día dispomos dunha teoría xeral sobre o decrecemento que foi adquirindo cada vez máis forza. Para completar este proxecto, con todo, urxe trasladar os conceptos teóricos xerais a ámbitos máis concretos. Isto é precisamente o que propoñen os autores: unha reflexión sobre o que debería cambiarse na vida cotiá a través do estudo de doce terreos relevantes do decrecemento: o medio urbano e o medio rural, as mulleres e as migracións, a sanidade e a educación, o mundo sindical e o lecer, o transporte e os medios de comunicación, os indicadores económicos e os países do Sur”.
Deste xeito, a obra achega unha visión do decrecemento bastante novidosa e pouco tratada até agora na literatura máis copiosa do tema, a das escolas francesa e italiana e que, sen ser aínda exhaustiva e moi concreta nalgúns casos, quere dar un primeiro paso na aplicación e consecuencias prácticas que tería a escolla do decrecemento nas nosas opulentas sociedades norteñas.
Ver a nova completa en Altermundo




