Nas últimas cinco décadas, o turismo internacional pasou de desprazar 25 a case 700 millóns de viaxeiros ao ano, e a lugares cada vez máis remotos grazas ao desenvolvemento dos medios de transporte. Un fenómeno de tal magnitude e cunha expansión tan rápida non podía por menos que xerar impactos alá onde se estableceu.
Xeralmente estes clasifícanse en tres categorías: económicos, ambientais e socioculturais.
Impactos económicos.- O turismo foi presentado tradicionalmente como un eficiente motor do desenvolvemento económico, capaz de xerar emprego, modernizar as infraestruturas, impulsar outras actividades produtivas, revalorizar os recursos autóctonos ou equilibrar balanzas de pagos nacionais.
Así, é certo que o turismo xera emprego, pero en moitas ocasións para a poboación local é un emprego estacional e pouco cualificado. Ademais, adoita tratarse dun emprego inestable: o turismo é un sector con grandes vaivéns, e as zonas de destino téñense que enfrontar coa competencia doutras novas que xorden grazas ao desenvolvemento dos medios de transporte. Tamén é verdade que se modernizan as infraestruturas, pero segundo as prioridades turísticas e non en base a un desenvolvemento endógeno e equilibrado coas outras actividades produtivas.
A revalorización dos recursos autóctonos materialízase moitas veces en procesos inflacionarios, derivados dun aumento da demanda da terra, a auga ou os alimentos; o resultado é o encarecemento da canastra familiar, a dificultade de acceder a unha vivenda ou a expulsión de campesiños polo aumento das rendas agrarias. O turismo impulsa algunhas actividades produtivas, como a construción, pero tamén pon en perigo outras tradicionais, como vimos no caso da agricultura.
É discutible a capacidade do turismo de xerar ingresos nos países de destino, xa que son os países de orixe os que máis se benefician desta actividade
Igualmente, é discutible a capacidade do turismo de xerar ingresos nos países de destino, xa que son os países de orixe os que máis se benefician desta actividade: compañías de voo e grandes establecementos hostaleiros adoitan pertencer a multinacionais do Norte, ademais de que os operadores destes países teñen capacidade de impor prezos aos seus "socios" do Sur.
Finalmente, cabe sinalar que en determinadas zonas onde se fixo unha aposta polo turismo como principal medio de desenvolvemento, observouse que xera problemas semellantes aos de de economías baseadas na agricultura de monocultivo para a exportación, talles como a dependencia dos prezos do mercado internacional, moi fluctuantes, ou un alto nivel de risco derivado da escasa diversificación.
Impactos ambientais.- O turismo de masas mostrouse especialmente violento co medio ambiente: urbanización de zonas naturais ou non integrada na paisaxe, sobreutilización do recurso da auga, problemas relacionados co tratamento dos lixos, contaminación da auga polos residuos líquidos, destrución de monumentos históricos, contaminación do aire polo uso de vehículos e calefacción, cambios na paisaxe para favorecer actividades de lecer como o golf ou o esquí, etc.
Estes procesos son máis incisivos nos países do Sur, onde as normativas ambientais adoitan ser máis laxas para favorecer a industria turística e os recursos naturais son presa fácil da especulación. Como exemplo se pode sinalar a crise ecolóxica que está padecendo a costa de Quintana Roo, en México, a causa do desmedido desenvolvemento de centros turísticos como Cancún ou Cozumel.
Pero non só o turismo de masas incide sobre o medio ambiente. Formas de turismo alternativo tamén poden facer un uso non sostible dos recursos. Baixo o concepto "turismo alternativo" agrúpanse diversas formas de turismo que, ás veces, buscan un desenvolvemento sostible da actividade, pero outras só expresan a contraposición ao turismo de masas. No entanto, aínda que sexa só porque se trata de turismo a pequena escala, as formas alternativas de turismo adoitan levar moita menos alteración na paisaxe.
Impactos socioculturais .-Un dos aspectos máis destacados é a tendencia a acelerar cambios culturais que desposúen do seu significado aos elementos culturais para deixalos só no "visible", que é tratado como unha mercancía máis. En Kenia, un dos países africanos máis turísticos, é común que etnias autóctonas representen danzas e rituais como atracción para os turistas fóra do seu contexto cultural.
Tamén o desenvolvemento do turismo pode influír sobre a estrutura das sociedades anfitrioas, xerando ou incrementando a diferenciación social. E é que os beneficios que quedan na zona de destino non se adoitan repartir uniformemente, senón que tenden a ser monopolizados por un sector minoritario da poboación.
Turismo Sostible e Turismo Responsable- As consecuencias do desenvolvemento turístico, en especial nos países do Sur, parecen ser maioritariamente prexudiciais. No entanto, algúns casos de turismo alternativo autogestionado pola propia comunidade parece mostrar que un certo tipo de turismo, a menor escala e cunha xestión diferente, pode xerar efectos positivos. Empézase a falar, entón, de Turismo Sostible.
En todos os casos, o Turismo Sostible hao de ser nas tres categorías en que se clasificaban os impactos do turismo: debe ser sostible económica, social e medioambientalmente.
O Turismo Sostible non fai referencia a ningunha forma de turismo específica, aínda que parece que o turismo tradicional ten máis dificultade en alcanzar a sustentabilidade que outras formas de turismo máis alternativo. No entanto, e como queda dito, baixo o termo "turismo alternativo" agrúpanse diversas formas turísticas, algunhas das cales son xestionadas cun espírito de lucro similar ás tradicionais e con impactos máis que dubidosos.
En conclusión, non parece que haxa un modelo de Turismo Sostible aplicable universalmente xa que o impacto do turismo varía dependendo das características da sociedade anfitrioa e do seu contexto. En cambio, si hai modelos de desenvolvemento turístico que, sexan cales sexan as características sociais, económicas e ambientais da zona de destino, sempre son insostibles: o turismo masificado, o turismo sexual, turismos a pequena escala controlados por axentes foráneos, etc.
Ante esta situación, o Turismo Responsable non aparece como un tipo ou modelo de turismo específico, senón como un movemento:
a) que busca establecer modelos de desenvolvemento turístico sostibles e específicos para cada zona de destino, para o que se han de ter en conta as súas variables sociais, económicas e ambientais;
b) que denuncia os impactos negativos que o turismo leva ou pode levar nas sociedades anfitrioas, así como a imaxe distorsionada que os visitantes poden facerse da realidade que foron a coñecer;
c) que valora e reclama a responsabilidade de turistas, tour-operador, anfitrións e institucións públicas á hora de favorecer modelos turísticos sostibles.
Este artigo é un resumo da Guía de Turismo responsable de Canle Solidaria-OneWorld elaborado por Jordi Gascón (Xarxa de Consum SOlidari) e Ernest Cañadas (Sodepau-ACASC) extraido de
Canal Solidario